Análise e Reflexión sobre o Río Umia: Rubén Ferreiro Froján

 


Hai tan só catro anos dende que Rubén Ferreiro Froján rematou o seus estudos no colexio San Fermín e hai tan só unhas semanas, co gallo dun traballo que realizou sobre o río Umia, era merecente dunha entrevista no Diario de Pontevedra. Tiña obtido grandes cualificacións e falaba dun tema moi actual.

Diario de Pontevedra
Entrevista a Rubén Ferreiro Froján no Diario de Pontevedra


Este traballo espertou o noso interese por moitos motivos:

  • Por un lado, era un traballo sobre un tema moi próximo a todos os habitantes de Caldas de Reis, polo cal pensamos que se debería coñecer mellor: o río Umia.
  • Por outro lado, estaba feito por un alumno que hai pouco tempo que saíu do colexio para continuar os seus estudos e, aínda que estabamos seguros de que chegaría a facer grandes cousas, non esperabamos que fora tan pronto!


    Descarga o traballo de Rubén Ferreiro Froján


Calquera que foi algunha vez alumno do colexio segue pertencendo á Comunidade Somasca do San Fermín. Por iso, chamámolo para interesarnos por el e polo seu traballo.

Rubén é unha persoa moi amable e aberta, cunha capacidade extraordinaria para afrontar grandes retos e que, pola súa forma de ser, sempre os encara dun xeito sinxelo, coma se foran doados de facer.

Así que, cando o chamamos, pareceu que non pasara o tempo e, cando lle preguntamos se podería explicar aos alumnos e alumnas do San Fermín o seu traballo, non dubidou nin un segundo e púxose enteiramente á nosa disposición.
 

Fixemos dúas conferencias (por mor do protocolo COVID) unha para terceiro e outra para cuarto da ESO. O tema foi "Análise e Reflexión do Estado Actual do Río Umia", o mesmo título que tiña o Proxecto Integrado que fixo no Ciclo Superior de Saúde Ambiental.

 

Nas súas charlas falounos da historia de Caldas, do río Umia, das industrias e dos factores que condicionaron e condicionan o estado das augas do río. Sorprendeunos moito o accidente de Brenntag e o proceso de eutrofización que está a sufrir o río por causa do encoro de A Baxe.

 

O tema foi moi interesante e as charlas moi participativas. O alumnado aproveitou para facerlle moitas preguntas relacionadas co tema exposto pero tamén coa súa experiencia coma estudante.


E ti que estás a estudar agora no San Fermín... ¿cal pensas que é o teu superpoder? ¿Qué virás a compartir connosco no futuro?

Seguro que nuns poucos anos recibirás a chamada dalguén do colexio interesándose polo que estás a facer ¿farás coma Rubén e virás a contarnos todo o que aprendiches e desenvolviches na túa etapa posterior ao colexio?

Seguro que si. 

Estamos a agardar por ti. Do mesmo xeito que a Rubén, ¡¡agradecemos moito a túa aportación á Comunidade Educativa do San Fermín!!

¡¡Ata moi pronto!!


¡¡Moitas grazas e ata moi pronto Rubén!!



No hay comentarios:

Contacto

Ponte en contacto connosco a través de sanferminciencias1@gmail.com ou premendo na imaxe.